O mal tempo non foi impedimento para unha nova saída do programa de andainas "Natureza nos Camiños". O grupo partiu unido dende a Alameda de Pontevedra e, unha vez no principio do percorrido, na mesma Xunqueira dividíronse en pequenos grupos con cadanseu guía-intérprete. Ao longo do traxecto pola Xunqueira, os camiñantes puideron coñecer as principais calidades deste Espazo Natural de Interese Local (ENIL), catalogado o mes pasado pola Xunta de Galicia despois de aprobar o proxecto presentado polo Concello de Pontevedra. A importancia desta distinción radica en que se trata do primeiro humidal galego en ser recoñecido con esta figura de protección ambiental. Por outra banda, os grupos percorreron tamén o paseo no que alterna a vexetación autóctona, coma o salgueiro ou o amieiro, e algunhas especies invasoras, coma a herba da pampa. Ademais, na mesma Xunqueira os educadores explicaron o funcionamento da espadana coma "depuradora natural" das augas. Para goce dos participantes, puidéronse observar diversas aves, coma a garza real ou a garceta, dentro dun catálogo de máis de 70 especies rexistradas neste espazo de alto interese medioambiental. A vindeira semana, o programa Natureza nos Camiños levará aos camiñantes a coñecer os xardíns do Pazo de Lourizán e a depuradora de Praceres, penúltima ruta deste ano 2009. Fuente: Ayuntamiento de Pontevedra
|