Un magosto popular na Ponte da Condesa servirá este sábado para continuar o traballo de promoción do recuperado río dos Gafos, no que están a traballar conxuntamente a Concellaría de Medio Ambiente Natural e o colectivo ecoloxista Vaipolorío. Nesta ocasión contan tamén coa colaboración da asociación de acollida e adopción de cans Os Palleiros.
A cita é ás 16 horas para realizar un paseo polo río e, a partir das 17 horas, comezará o magosto popular. A actividade programada pola concelleira Celia Alonso, inclúe a presenza de Valentín, o popular castañeiro da praza da Ferrería, quen desprazará ata o lugar a máquina coñecida como A Centenaria.
A concelleira de Medio Ambiente indicou que tamén haberá música e que os actos se celebrarán na finca anexa á Ponte da Condesa. O acceso realízase, ou ben a pé, polo paseo dos Gafos, ou ben pola estrada de Tomeza ata este punto, que está sinalizado, a poucos quilómetros do cruce do Marco.
Fuente: Ayuntamiento de Pontevedra
|