A Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe as obras da drenaxe do camiño do Marco a Cunchidos (Lourizán). A mellora vai evitar os problemas de inundacións que se producen nesta pista que marca o límite entre os concellos de Pontevedra e Marín. As obras estaban pendentes dende hai varios anos por mor da discusión entre ambos concellos sobre a cal dos dous lle correspondía a competencia para executalas. Os problemas quedan agora resoltos grazas ao acordo de colaboración institucional acadado entre o concelleiro do Rural pontevedrés, Xosé Manuel Valcárcel, e o seu homólogo marinense, Xaime Santomé. En virtude dese acordo, Marín xa procedeu ao asfaltado e a Pontevedra correspóndelle a drenaxe das augas pluviais, que é a parte máis importante da obra e tamén a que ten maior custo. As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Vale S.L. por un importe de 96.669,23 euros. O prazo de execución é de seis meses. Os tubos non poden tenderse polo camiño dado que está construído, ao igual que as vivendas, en rocha firme. O risco de causar danos por mor das vibracións era demasiado alto, polo que se optou por un trazado alternativo para os 545 metros de tubaxe que é necesario instalar. O tubo ten unha sección de medio metro, suficiente para absorber no peor dos casos máis de 350 litros por segundo, un caudal máis que suficiente e que garante o fin dos asolagamentos nos días de fortes choivas. A primeira parte do trazado chega ata o lavadoiro público aproveitando o regueiro existente, pero a partir de aí desvíase por camiños municipais ata desembocar as augas pluviais nun punto inferior do leito do regato, nunha cota inferior á situación das vivendas onde xa non hai perigo de desbordamentos. Por outra banda, a Xunta de Goberno adxudicou á E.C. Casas a mellora do camiño da Carballeira á N-550 en Tilve (Cerponzóns). O orzamento é de 59.800 euros. Fuente: Ayuntamiento de Pontevedra
|